Friday 19 de April de 2024

Diego Calvo eloxia o traballo e o bo facer dos participantes no obradoiro de emprego de Vilarmaior, Aranga, Irixoa e Monfero


Vinte alumnos formáronse durante seis meses nas especialidades de revestimentos continuos en construción e albanelería de fábricas e cubertas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu ao acto de clausura e entrega de diplomas aos participantes no obradoiro de emprego concedido pola Xunta aos concellos de Vilarmaior, Aranga, Irixoa e Monfero.

Durante o acto, ao que asistiron os alcaldes dos tres primeiros concellos xunto ao tenente alcalde de Monfero, proxectáronse imaxes dos traballos realizados durante os últimos seis meses polos alumnos participantes nesta actividade formativa.

Así, todos os presentes puideron comprobar a evolución e remate das obras de rehabilitación nos centros de saúde de A Castellana e de Muniferral (Aranga); no local social de A Casa Nova, en Irixoa; nas antigas escolas de Pazos-San Fiz, Taboada e Boicornelo-San Fiz (Monfero); e nos lavadoiros de Fonte Xestelo-Torres e Fonte Vilar-Grandal, ambos en Vilarmaior.

En total, a Xunta investiu 187.157 euros neste obradoiro, no que se formaron vinte alumnos nas especialidades de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas.

O delegado territorial eloxiou o traballo e o bo facer de todos os alumnos participantes neste obradoiro, aos que animou a seguir formándose e aos que desexou que a experiencia adquirida poida axudarlles a atopar un emprego. En canto ao labor dos concellos “implicados” neste obradoiro, púxoos como exemplo “do que ten que ser a colaboración entre municipios”.